Chega unha nova edición do Arousa-Revolutrion Trail Series (e xa van tres!), deste apasionante circuito que sorprende ano a ano tanto en recorridos, en premios, e sobre todo nas posibilidades de triunfo d@s participantes.

 

A novidade máis destacada nesta edición está en que incrementamos o número de probas do circuito, pero mantemos o formato para dilucidar o gañador; e dicir, @s campións do circuito terán que disputarse nas catro probas base: Cidá, San Isidro, Bealo, e Castro Barbudo, e quedaría o Ultratrail do Barbanza coma unha quinta proba que xa non sería puntuable pero na que calquera inscrito no circuito pode participar.

 

Tamén se premia a participación por equipos, creando unha categoría especial para eles: a suma dos tempos dos tres primeiros de cada equipo en cruzar a meta, determinará o campión por proba. Do mesmo xeito, ese cómputo global de tempo (o acadado polos tres primeiros) pasara a facer unha clasificación por equipos para todo o circuito.

 

E por si o premio por participar nunhas probas deseñadas e calendadas para adaptarse a todo tipo de corredor@s non fora suficiente, levarás a túa camiseta técnica conmemorativa do circuito na primeira das probas, e a de finisher si completaches as catro que puntuan para a clasificación; ademáis da posibilidade de participar no minitrail (18 km.) do Ultratrail do Barbanza.